- This event has passed.
Cafés históricos de Vigo
17 Outubro 2023 / 20:00 – 22:00
O Café Vitruvia, en colaboración co Ateneo Atlántico, organiza a sesión histórico-lúdico-vitícola “Os cafés históricos de Vigo”. Fala e dirixe a sesión: Xavier Castro. O acto terá lugar o martes 17 de outubro, ás 20 horas, no café Vitruvia (Praza de Compostela, 5. Vigo). Serviranse viños da Adega Son de Arrieiro (D.O. Ribeiro) e intervirá a adegueira Xulia Bande.
O Aforo é limitado así que é indispensable a reserva previa.
A reservas e compra de entradas pode facerse en persoa no Vitruvia Café, por correo
electrónico (info@vitruviacafe.com) ou a través do móbil 645 99 66 90
O prezo da entrada é de 12 euros (10€ para as socias do Ateneo) e dá dereito a participar da charla, degustar viños de Son de Arrieiro e a empurralos cuns petiscos.
Eugenio Montes refire que César González-Ruano foi convidado polo director do Parador de Gredos a pasar uns días na súa compaña. Cando chegou Ruano, o seu amigo foille dicindo: «Mira, alí están as lagoas, por alá a capra hispánica, alí tal monte, alí tal outro…». Ruano interrómpelle: «Moi ben, pero, onde están aquí os cafés?».
Ata que a televisión fixo a súa irrupción ruidosa, os cafés foron o centro principal da sociabilidade masculina. Neles estábase máis quente que no fogar, había maior confort xeral, podíanse degustar bebidas e, nalgúns, mesmo comida, xa que dispuñan de restaurante atendido por cociñeiras (con talento!) que, polo xeral, estaban ao seu fronte. Tamén era posible distraerse nos faladoiros cos amigos. Os artistas e a sociedade literaria achábanse empadroados nos cafés.
Os letraferidos aproveitaban para escribir: podían solicitar “recado de escritura”, para que o camareiro lles facilitara papel, plumilla, tinteiro e secante. Un escritor vivía nunha rúa e nun barrio, pero sobre todo era dun café, que en moitos casos estaba noutra parte. Ademais de todo iso, nos bos cafés había música en vivo. E, como sinalaba Ramón Gómez de la Serna, aínda por riba daban café.
En Vigo, houbo un tempo en que todo o importante se comentaba nos cafés e se non se comentaba nos cafés, é que carecía de verdadeira importancia. Esta cidade contou con magníficos cafés dende o século XIX, que foron esencias para o desenvolvemento da sociedade acomodada e mundana, aínda que as mulleres bateron con dificultades e atrancos notables para poder frecuentalos. Nas tertulias do Suizo, Derby, Alameda -como nos actuais De catro a catro e Vitruvia- falábase de cultura, das vangardas artísticas, do moderno jazz e (antano) dos problemas dun parsimonioso ferrocarril para levar o peixe en vagóns refrixerados de xeito que chegara a Madrid en boas condicións. Unha cuestión na que teimaba Valentín Paz Andrade dende o primeiro xornal que informaban sobre o conxunto das cuestións galegas nos anos vinte: Galicia, e que estaba a disposición do público naqueles vellos e históricos cafés.
Este será o eixo temático do evento sobre viño e cultura que conducirá o historiador Xavier Castro. Levarase a cabo tamén, dun xeito ameno, un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce hedonista do viño, entreverado todo isto coa proxección de música e pezas audiovisuais. Farase unha degustación dos viños branco e tinto, elaborados con castes autóctonas e feitío artesanal, pola recoñecida Adega de colleiteira do Ribeiro: Son de Arrieiro, que serán glosados pola súa adegueira, Xulia Bande, unha das primeiras mulleres en rachar o teito de cristal nun ámbito especialmente refractario a aceptar a presencia das mulleres como é o mundo tradicionalmente patriarcal da enoloxía.
Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de calidade elaborados con pan artesán, queixo manchego (Ojos del Guadiana) e paleta ibérica, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará no café Vitruvia ou ben no teléfono: 645 99 66 90 (Prezo da entrada, con dereito a varios viños e petiscos: 12 euros. O prezo para persoas socias do Ateneo será de 10 euros).
Xavier Castro: Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015.
Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC), Tostado. El vino noble de Galicia.
Recentemente: Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia (Transforma)-mail: f.x.cp@hotmail.com / Móbil: 609 653 228