Loading Events

« All Events

A profundidade esencial da terra

7 Novembro / 18:30 20:00

Con motivo do centenario do Surrealismo, o Ateneo Atlántico organiza unha visita guiada á exposición “A profundidade esencial da terra. Benjamín Palencia, Manuel Colmeiro e o surrealismo dos anos trinta“, da man do comisario da exposición, Xosé Carlos L. Bernárdez. Será no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), ás 18.30 horas do xoves 7 de novembro.

2024-11-07 ExpoPalenciaColmeiro


A exposición desenvólvese na galería B3 (1º andar) do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) entre o 27 setembro de 2024 e o 5 xaneiro de 2025, e está comisariada por Carlos López Bernárdez, que será quen actuará de anfitrión na nosa visita.

“A profundidade esencial da terra quere referenciar un momento da obra de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro nos anos trinta do pasado século, con ambos os artistas inseridos en prácticas modernizadoras e preocupados pola captación do universo antropolóxico desde unha perspectiva reivindicadora das súas esencias ancestrais. Coinciden na atracción polas culturas que na época eran denominadas “primitivas”, polo popular e pola fascinación etnográfica que se detecta nestes anos

Palencia e Colmeiro partillan preocupacións, puntos e procesos de evolución con certas
analoxías, dentro dunhas propostas creativas fortemente persoais. Viven o seu tempo, en
xeral, como unha realidade convulsa e esta percepción vai acompañada dun esforzo
actualizador das súas linguaxes plásticas, ligado ao contexto internacional, co surrealismo
como un pano de fondo singular.
..

Carlos López Bernárdez é historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.
Entre os seus libros destacan Breve historia da arte galega (2005), Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018); Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020) e Unha historia da arte galega (Laiovento, 2023).
Na actualidade desenvolve a crítica de arte no Faro da Cultura do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.

Os textos pertecen ao catálogo de man da exposición, que pode consultarse íntegro no enlace.


Marco

Rúa do Príncipe, 54
Vigo, Galicia 36202 Spain