Imaxinando Haikus

Os nosos xogos literarios
Participa, envíanos os teus haikus (máximo 7 )
Data límite, 10 de xuño
Premio, 50€ a utilizar nunha librería de Vigo

Pequena guía de aproximación ao Haiku

A poeta Antía Otero elaborou para nós esta pequena guía para aproximarnos, dun xeito sinxelo e directo, ao mundo do Haiku.

As Claves

  • atención ao tempo e ao espazo
  • importancia ás estacións do ano
  • linguaxe sinxela
  • imaxes orixinais tiradas da vida cotiá
  • no seu adn está preguntarse cal é o lugar do ser humano na natureza cíclica do mundo
  • é unha pedra caída na auga e os movementos concéntricos que isto xera.

Estrutura

O rasgo máis distintivo dun haiku é a forma: os haikus escríbense en tres versos sen rima, de 5, 7 e 5 sílabas, respectivamente.
Esta métrica é flexible: nada impide escribir haikus que teñan un número de sílabas lixeiramente distinto, e non por iso deixarán de selo.
De feito, en xaponés, os haikus non se escriben en 17 sílabas, senón en 17 moras. A mora é unha unidade fonética máis breve que a sílaba (17 moras equivalerían a 14 ou 15 sílabas). Isto dá licenza para escribir haikus con algunha sílaba menos das 17 habituais.
Pero ollo! Non porque o poema teña 5-7-5 sílabas xa podemos chamalo haiku. Isto é un erro.
O haiku, ademais da brevidade, ten outros rasgos definitorios.

O Kigo

O kigo é unha palabra ou expresión que indica a época do ano á que fai referencia un poema. Por exemplo, a palabra “nevada” remite ao inverno, xa que no inverno é cando máis neva. A expresión “cerdeiras en flor”, pola súa parte, remite á primavera, pois é cando florecen.
A inclusión do kigo, nun haiku, non é obrigatoria.
Os haikus clásicos acostuman levalo, pero tamén podemos escribir haikus sen referencia estacional algunha.

Outras características

Escenas da natureza ou da vida cotiá.
Nun haiku, o “eu” queda á marxe: a poeta non fala tanto do que lle sucede como do que sucede na súa fronte. É unha observadora do que lle rodea. Nun haiku, a poeta pode referirse a ela mesma ou expresar unha inquietude, mais se o fai, ha de ser supeditada á escena que se mostra.
O haiku transmite a impresión que causa a contemplación de algo: beleza, armonía, serenidade, fugacidade, tristeza, enfado…
A impresión, máis que o poeta, debe transmitila a propia escena mostrada.
Os haikus teñen un estilo natural e sinxelo.
Se recargamos o poema con metáforas, personificacións, aliteracións, forzamos a colocación dos adxectivos antes do sustantivo ou alteramos a orde natural dos elementos da frase, estaremos levando o poema a outro terreo.
As palabras, nun haiku, non chaman a atención dun xeito individual.

Algunhas ligazóns de interese:

Matsuo Basho, o cume do haiku
Reportaxe de El Cultural da figura deste autor do século XVII, imprescindíbel na historia do haiku. Inclúe unha selección de poemas.

18 haikus de Nishiguchi Sachiko
Vídeo con 18 haikus dunha autora moi prezada no momento actual. Dedica a súa vida aos labores do campo e á familia sen dar maior importancia á súa transcendencia poética (unha desas malas herbas que hai no haiku en Xapón, segundo ela mesma). Haikus escritos sobre imaxes e lidos en castelán e xaponés.

Nishiguchi Sachiko
Vida e obra de Nishiguchi Sachiko

Haiku Cat, de Estíbaliz Espinosa
Haiku en galego da poeta Estíbaliz Espinosa

Sete haikus de Helena Villar Janeiro
Sete haikus galegos da nosa poeta, acompañados de fotografías e traducidos ao castelán e ao inglés.

Presentación do libro Poesía Mínima. Minimal Poetry de Helena Villar Janeiro
Vídeo da presentación de Poesía Mínima, de Helena Villar Janeiro, no Ateneo de Santiago. Poesía mínima é unha recompilación de 50 foto-poemas desta autora imprescindible na poesía galega.

Blog de Susana Benet
Susana Benet é unha das autoras de haikus máis recoñecidas na poesía española actual.