Achegas dos nosos socios e socias
De negacionistas, chouteiros de quenda e outras lerias
M.A.M.G. (Socio 95 do Ateneo)
O último lume de pallas mediático que prendeu na contorna do covid-19 foi o da gandainada de dignidades civís, militares e eclesiásticas que se vacinou a furto aproveitando posicións de privilexio nos seus respectivos espazos sociais. Á parte da reacción de refugo que esta alta xentalla ergueu nunha poboación que comeza a estar chea dos procederes defraudantes que, sen excluir sector social nengún, catalizou o virus na nosa civilizada contorna, a contribución de tais chouteiros de quenda á loita antipandémica, así como a súa lección a respeito do cerne do liberalimo neste contexto, non llelas estamos a agradecer como ameritan. Consíntaseme un arrodeo para xustificalo.
Sabido é que nalgúns países e certos sectores adquiriron relevo as actitudes chamadas negacionistas, que impugnan dende a existencia do virus até a pertinencia da vacinación ou das medidas de precaución que enturpen os fluxos económicos. O negacionismo inclúepolo menos tres, talvez catro compoñentes que, sen seren estritamente conviventes nun mesmo individuo, poden promover unións hereroxéneas de individuos en tempos de tensión social, creando impresións enganadoras da súa entidade e natureza.
Unha primeira compoñente deriva da doutrina teolóxica da predestinación, explicitada sen requilorios, por exemplo, no xudaísmo ortodoxo. Sen negar a realidade empírica da epidemia, esta posición abstense do que coida interferenza nos designios de Yahveh (Brahma, Alá, Thor, Manitú…), estimando máis comedido pregarlle simplemente compaixón pola criatura humana, ao cabo a súa elixida no universo. A segunda compoñente acode tamén á predestinación, mais só como disfraz do dogma calvinista para o que as xentes mesterosas ocupan as posicións que, polos seus merecementos, O Señor consinte que enchan. Non debemos pois esforzarnos en axudas que a infinita xustiza do Señor emprestaría se fosen xustas. A terceira compoñente non é específica da epidemia, limitándose á pirataría política de usar o virus como arma arreboladía contra o poder, actúe este ou non con tino. Trátase do clásico piove: porco governo, non priove: porco governo
anche. Unha cuarta compoñente, a ignorancia, actúa no fundo como envolvente necesaria das tres primeiras, mais pode tamén apresentarse en forma pura.
No dispor dos predestinacionistas teolóxicos, en aparencia coherente, cabería até pasar por alto a súa combinación de realidade e mito que, malia ser pouco eficiente fronte a un virus, pode ter tirón literario e dar xogo ao que, agora nos inicios da neuroimaxinaría, vai quedando como a metapsicanálise de Freud aos deconstrucionistas. Mais aínda así quedaría o feito de que, a se recoñecer a obxectividade epidémica, a renuncia persoal ás precaucións e conseguinte aumento da probabilidade de se converter nun vector de contaxio indiscriminado, implica o desprezo insolidario cara aos non partícipes da perspectiva que leva a tal decisión.
Aos calvinistas cábelles unha crítica similar, claro, que asumen ben, xa que o negacionismo desta caste é de clase dominante, con sistema inmunitario ben mantido por dietas sustanciosas, que non vive agavelada en casas pequenas nen acode a traballos de risco enfeixada en transportes acugulados (existe, si, un paradoxal proletariado atraído polo liberalismo de cada quen facer o que os seus meios lle permitan sen trabas do estado, pero hoxe difícilmente hai un proletariado calvinista que acepte o seu destino como unha sentenza do Altísimo). Mais o calvinismo dá tamén para unha versión laica, un liberal-darwinismo segundo o cal o racional sería deixar que o virus eliminase libremente a poboación susceptíbel, para así depurar en pouco tempo unha poboación resistente. Ou, ao xeito menos radical que algúns chaman convivencia co virus, permitir a depuración máis lenta que deriva dunhas lixeiras restricións aos contactos persoais que non inhiban significativamente a actividade económica.
A ignorancia envolvente está aquí na interpretación badoca da selección darwiniana. A ecoloxía fala de dúas vías complementares para o éxito dunha especie: producir moita prole e gastar pouca enerxía en garantir a súa supervivencia, como os insectos, ou producir pouca prole e gastar moita enerxía naquela garantía, como os mamíferos. Son as chamadas estratexias do r e do K, en alusión á notación clásica de dous parámetros da ecuación de crecemento (velocidade específica, r, e biomasa máxima, K). Os virus, que nen tan sequer poden considerarse entidades vivas entre lances reprodutivos sucesivos, son os campións da estratexia r. Ocioso é sinalar que a humana é a especie K por antonomasia. Se coa actual complexidade bioquímica a muller tivese, digamos dende os dous ou tres anos, dez ou doce partos por ano con dez a vinte crías por parto valéndose por si mesmas en quince ou vinte días, teríamos certa capacidade para convivir co virus aplicando tácticas calvinistas pseudodarwinianas. Na nosa condición real de campións da estratexia K, non nos queda outro remedio do que aplicar á nosa conservación defensas en forma de regras sociais apropriadas, medicamentos e vacinas.
Ao inicio dos contaxios en Europa, dirixentes galloufeiros dalgúns países de tradición calvinista lanzaron baladronadas anunciando políticas depurativas para decantar unha poboación resistente. Mais se con dados reais se estiman os coeficientes dun modelo epidemiolóxico, é posíbel predicir razoábelmente os resultados de diferentes políticas, e os bravateiros recuaron cando os seus compatriotas racionais os advertiron de que a mortalidade derivada do liberal-predestinacionismo durante o tempo requirido para a depuración provocaría unha desmontaxe social moito máis grave do que a derivada dunha política de restrición rigorosa dos contactos persoais e axuda á economía perxudicada (por exemplo co 80% das gañancias declaradas ao fisco o ano anterior) durante unperiodo moito máis breve.
A propria ignorancia, tanto a asociada ao negacionismo do tipo porco governo como a que agroma en estado puro, é tamén multifactorial, pero aquí as compoñentes hibridan de maneiras caóticas. Unha basilar é a do fazañeiro enxebre, irmán do escarramán mesetío para quen mascariñas e vacinas, como cintos de seguranza, cascos, liñas de vida, auriculares e recursos análogos son ‘mariconadas’ que un ‘machote’ debe desprezar. Amiúde exhiben doito desafiante, mascariñas ostensíbelmente descolocadas e rebique transgresor na mirada. Vense avanguarda en loita contra normas represoras, e acoden a manifestacións pedindo liberdade e máis policía contra a inmigración, con moito revoar de bandeiras de España coma se tal fose todo un valente desacato a un poder tiránico.
Cabo destes xiareiros máis activos de Trump ou Bolsonaro, camiñan tamén mandas de escaramoados xeralistas que, afeitos á estafa, renuncian a todo; de suspicaces acaseñados que desconfían do público e votan polos ricos, que precisan roubar menos; de zamurdos que, pola curmá dun amigo que traballa nunha distribuidora de menús para cafetarías de hospital, saben que disque a ocupación das UCIs é a de sempre; ou de morcóns informados por facebook dos millóns de microchips que vendeu Bill Gates para incorporar ás vacinas con propósitos de control, sen repararen en que para os ter controlalos a eles abonda co fútbol na televisión. Tamén os prosmeiros que, animados polos meios de masas, prodigan máis apertas agora con tíos e avós das que lles deron nunca, e os parvos aprendices de neoliberais que fan ‘festas do contaxio’ para acelerar a inmunidade de grupo, pero que se furtan de corentinas á saída.
Voltando agora ao inicio, é en todas estas verquentes da ignorancia pura, nos bardallas das redes sociais, nos moinas coceverciñas, onde os chouteiros de quenda exercen un efeito educativo, como ha comprobarse cando as estatísticas sinalen o chanzo no ascenso da intención de vacina subseguinte ás primeiras noticias dos que se coaron nas listas. Se os poderosos e empoleirados se vacinaran diante da televisión, como por daren exemplo fixeron noutros países con negacionismos de máis sólida alienación, aquí correrían de contado os chíos advertidores de que aquilo era, poñamos, unha conspiración da extrema esquerda venezolano-iraniana infiltrada no sector farmacéutico anglosaxón. Ou algo así.
Mais calcando ese estilo español toureiro que pon roibén alleo nas películas de Berlanga, aquí foron xenerais de bastón sobre espada quen se pincharon por tras da porta, bispos con mando en diócese disimulando a mitra ás agachadas, capos bailanacriba da sanidade privada e xerentes pisamainiño de residencias de anciáns, entre outras figuras de presunta sensibilidade social, quen se vacinaron pola xorda, facéndose a gata morta para, estes de veras, aceleraren a súa inmunización.
Desta maneira, o que as beirantes castuaxes do receo paifoco pensaron axiña foi que se estes cabróns que poderían facer o que lles petase van e vacínanse así, facendo a zonga e sen mover folla, ha ser porque é cousa boa; así que déixate, Xan, de caralladiñas e vaite vacinar se podes, non vaia ser que. E como esta caninea é tamén moito a da mascariña mal posta, as apertas pringosas, os viños na barra botando para fora e o falar barato, a berros de moita micropinga, mirade por onde unha conduta reprobábel acaba inhibindo a solta de greas de transmisores entre poboacións básicamente razoábeis.
Recalcitrancia superior á destes produtos oportunistas da desconfianza, espabilados pola envexa, a soberba, a ira e outros pecados capitais é, porén, a dos negacionismos con sustentáculos míticos, ao cabo evocadores de emocións positivas. Mais agora que a caída no efeito amortecedor da biodiversidade abrevia as cadeas da transmisión de parasitos á especie humana, cabe agardar que a plétora vírica do paleoceno endiante que está a ceibar a desconxelación do permafrost das tundras produza ensinanzas de proveito que dominen o tamén previsíbel renacer das profecías apocalípticas.
MAMG