Ciclo: Memoria democrática

Co título ‘Vítimas da Guerra Civil e da ditadura na provincia de Pontevedra’, o Ateneo Atlántico -coa subvención do Goberno de España, Ministerio de Política territorial e Memoria democrática- organiza un ciclo de actividades que se desenvolverán en Vigo durante o primeiro semestre de 2026 en diferentes horarios e espazos que se poden consultar en ateneoatlantico.gal

Ciclo Memoria Democrática
Memoria democrática

A Ditadura non foi o longo período de paz e prosperidade que evoca na mocidade a extrema dereita, utilizando nos seus bulos os falsos mitos creados pola propaganda do propio réxime, nunha campaña de branqueamento do franquismo que tenta espallar nas novas xeracións a desafección pola democracia.

O Ateneo Atlántico de Vigo considera, xa que logo, que para desenvolver unha cidadanía democrática consciente, é urxente combater a desinformación e a manipulación, e tenta colaborar no coñecemento dese perverso periodo da nosa historia con este Programa de actividades sobre a Memoria Democrática nun ámbito moi próximo: as vítimas da provincia de Pontevedra, tras o golpe de estado do 36 e na ditadura.

En coherencia coa nosa traxectoria de foro de debate aberto, este Ciclo -que conta co apoio económico do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática– preséntase en moi diversos espazos, apoiándose tanto en recoñecidos profesionais da investigación histórica como en testemuños das propias vítimas ou dos seus familiares e amigos.

Porque a democracia esixe non só desvelar o carácter cruel e represor da ditadura franquista senón tamén, moi especialmente, que a sociedade recoñeza a dignidade e o valor daqueles homes e mulleres que loitaron e sofreron pola liberdade e a democracia para que non sexan esquecidos.

Programa
  • 1. O papel da investigación na Memoria democrática
    • Xoves 22 de xaneiro de 2026. 19.30 horas
    • Auditorio do Marco
    • Conchi López e Montse Fajardo
  • 2. Vítimas do golpe de estado. Testemuña de familiares e amigos
    • Martes 10 de febreiro de 2026. 19.30 horas
    • Local da AAVV Praza da Miñoca
    • Manuel Bragado, Pepe Álvarez Cáccamo, Jacinto Mosquera e Xavier Moreda
    • Coordina Miguel Pérez Pereira
  • 3. A represión franquista nos campos de concentración
    • Mércores 25 de marzo de 2026. 14.50 horas
    • IES Politécnico
    • Cristina Caramés e XM Domínguez Freitas
  • 4. Presentación da Banda deseñada ‘Regreso á Illa de San Simón’ de Kiko Dasilva
    • Martes 14 de abril de 2026. 12.50 horas
    • IES do Castro
    • Kiko Dasilva
  • 5. Perseguidos da ditadura
    • Mércores 15 de maio de 2025. 19.30 horas
    • Salón de actos da Once
    • Carlos Núñez, Miguel A. Gómez ‘Gus’, Silvia Fernández Quinteiro e Flor Baena
  • 6. O dereito á memoria, á dignidade e á reparación
    • Xoves 11 de xuño de 2026, 19.30 horas
    • Salón de actos do Marco
    • Francisco Etxeberría Gabilondo
Díptico do ciclo