Visita guiada: As cidades de Colmeiro
16 Xaneiro / 18:00 – 20:00
Visita guiada á exposición As cidades de Colmeiro. Quen? O noso guía será X. Carlos L. Bernárdez. Onde? Na sede da exposición, na Pinacoteca Fernández del Riego (rúa Abeleira Menéndez 8). Cando? O martes 20 de xaneiro de 2026, a partir das 19 horas.

“As cidades de Colmeiro pretende ofrecer un punto de vista distinto sobre a obra de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) a partir da análise do impacto das cidades na obra do pintor. Para este obxectivo a exposición céntrase en obras –nomeadamente sobre papel– dun largo abano temporal, desde os seus inicios –a máis antiga é de 1919 (Porto de Buenos Aires)– en Buenos Aires até os anos sesenta (París [Notre Dame], 1960).
Buenos Aires, Vigo, Lugo, Ourense, Bilbao, París ou Amsterdam serven de escenario e son protagonistas das procuras do artista.
Cómpre lembrarmos que, en conxunto, o traballo de Colmeiro representa unha reformulación da temática popular galega, de base agraría, a partir de chaves formais debedoras da figuración europea de entreguerras. Alén diso, a estes aspectos o noso pintor acrecenta unha intensa sensibilidade social, xa presente nas súas primeiras obras.
Esta orixe labrega e esta ligazón ás súas paisaxes nativas é formulada non só no mundo rural onde naceu senón en grande medida nas cidades onde o artista viviu e que, como non podía deixar de ser, marcaron a
súa obra, principalmente Buenos Aires, Vigo e Paris. No entanto, as características dos traballos realizados por Colmeiro con temas orixinados nas cidades son ben diferentes, modulados pola situación de vida do pintor e pola relación que estabelece co medio urbano”.
(Texto do díptico da exposición; tédelo a continuación con enlace para descarga)
Carlos López Bernárdez
(Vigo, 1958) é historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.
Entre os seus libros destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega, en colaboración con X. R. Mariño Ferro (2004); Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020).
No ámbito dos estudos literarios publicou traballos sobre Manuel Antonio, Vicente Risco, Lorenzo Varela, X. Mª Álvarez Blázquez e Ramón Cabanillas. Das súas publicacións en catálogos e comisariados destacan Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano; De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra; Seoane. Razón e compromiso; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950; Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos e Foi un home. Laxeiro en América.
Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.

