Cargando eventos

« Todos os eventos

Presentación: Fíos de transparencia acesa

28 Outubro / 19:30 21:00

Presentación do libro Fíos de transparencia acesa. Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras, da que é autora Esperanza L. Mariño. Quen? A autora, Esperanza Mariño conversa con Xosé Manuel Beiras, presentados por Laura Caveiro. Cando? O martes 28 de outubro a partir das 19.30 horas. Onde? Na biblioteca da EMAO. Entrada libre ata completar aforo.

2025-10-28 Libro Beiras
Fíos de transparencia acesa

A poliédrica figura de X. M. Beiras -economista, profesor, político, músico, ensaísta, narrador e tradutor-, referente imprescindible no contexto cultural e político galego dos séculos XX e XXI, destaca por unha excepcional cultura humanística de raíz afrancesada. O presente ensaio aspira a ofrecer unha visión integral dunha parte da próspera faceta literaria, desde os primeiros textos adolescentes da revista Vamos e a intensa pegada das estadías parísinas. Así mesmo, preséntase unha breve historia da tradución en galego; porén, a cerna desenvolve o estudo das obras escolleitas, que converten a traxectoria do tradutor en infrecuente tanto pola orixinal e coidada selección dos autores coma polo desenvolvemento durante máis de medio século, algo insólito non só no ámbito literario galego senón universal. Alén da letra de sobranceira da canción Venceremos nós, as obras traducidas son: Os xustos (1985), Calígula (1992), Catro cartas a un amigo alemán e otros textos (2018) e A desfeita (2019) de Camus; Antígona (1967) de Anouilh, Non As moscas (2008) de Sartre, Adolphe (2020) de B. Constant e Espertemos! (2022) de E. Morin.
Por último, o propio autor quixo autotraducirse mediante a Exhortación a la desobediencia (2015), nunha nidia mensaxe ou espallamento da obriga ética da responsabilidade, continuando na liña dun forte compromiso individual fronte á desigualdade, á inxustiza e ás guerras.
(Da ficha do libro na Editorial Laiovento)

Esperanza L. Mariño Davila

Filóloga e catedrática compostelá, como crítica literaria realizou as edicións de Da emigración. Notas d´un galego (1993) de A. Paz Míguez e d´A vida sempre e sobretodo (2001) de Crisanto Veiguela. Como ensaísta, publicou ´Diccionario´ María Mariño (2007), ´Diccionario´ Uxío Novoneyra (2010), A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo (2021) e As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta (2024). Na faceta de tradutora, de Xuan Bello verteu Historia universal de Paniceiros (2008) e Os nomes da terra (2010), e de Esther Prieto Avó Ismail (2011).
Como poeta, publicou A pousa da libélula (2024). Colaborou nas revistas Dorna, Festa da Palabra Silenciada, Grial, Revista de Lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (UNED), Barbantia, Lletres Asturianes etc. Nos anos 90 representou Galiza na Fédération Européenne des Maisons de Pays. Impartiu conferencias en Galiza e Europa e gañou diversos premios literarios.
(Da ficha da autora na Editorial Laiovento)

Biblioteca da EMAO

Rúa García Barbón 5
Vigo, Galicia 36209 Spain
+ Google Map