Tecnopopulismo, redes e desinformación
18 Marzo / 19:30 – 21:00
Ateneo Atlántico. Acto: Tecnopopulismo, redes e desinformación. Cando? Martes, 18 de marzo de 2025 ás 19.30 hora. Onde? Na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa 2). Quen? Carmela Ríos e Irene Bascoy.

Continuamos co ciclo de Dereitos Fundamentais, fixándonos nos atrancos para o exercicio do dereito de opinión e á liberdade de recibir e comunicar información veraz. Aínda cando as dificultades e decadencia dos medios de comunicación clásicos serán obxecto máis adiante doutro debate, a actualidade levounos a priorizar a conexión entre redes sociais e desinformación ,dado que cada vez é maior a consciencia sobre o uso desta vía para esparexer bulos e información falsa (moitas veces xerada por IA) e mesmo a utilización de bots para manipular os procesos electorais.
A irrupción de Donald Trump na Casa Branca e a súa estreita colaboración co propietario de X, Elon Musk, está a consolidar a instauración da tecnoloxía como un poder global máis. Esta realidade,, que supón un desafío ás bases das democracias liberais, esixe dos cidadáns unha actitude renovada fronte aos novos actores. Por iso, convidamos a duas xornalistas para que nos dean as súas ideas sobre un tema de enorme interese: Como se defende a cidadanía na era do tecnofeudalismo. O desafío Trump.
IRENE BASCOY
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, foi redactora no Correo Gallego e posteriormente no Faro de Vigo, onde foi xefa da Sección de Galicia, despois redactora xefa e actualmente exerce o cargo de Subdirectora.
CARMELA RIOS
Canaria de nacemento e ceutí de adopción, é licenciada en Ciencias da Información na universidade San Pablo CEU de Madrid. Apaixonada do xornalismo en todas as súas variantes, traballou vinte anos en informativos de televisión, dez deles en París. Desde que, en 2010 unha conta de Twitter puxo patas para arriba a súa idea da comunicación, vive mergullada nas redes sociais explorando as súas posibilidades para o xornalismo e analizando os seus perigos como eixo central dos fluxos de desinformación.Actualmente imparte clases en varias universidades e #máster e escribe no diario ElPais sobre as redes sociais e o seu impacto na sociedade e a comunicación política.