Loading Events

« All Events

Club de lectura. Novembro

4 Decembro / 18:30 20:30

O libro seleccionado polo Club de Lectura do Ateneo Atlático para ler ao longo do mes de novembro é O azul entre o ceo e a auga, da escritora palestina Susan Abulhawa. A xuntanza terá lugar o mércores 4 de decembro, ás 18.30 horas, no local do Ateneo.

2024-12-04 ClubLecturaAzul

O azul entre o ceo e a auga conta a historia dunha familia palestina, os Baraka, que a través de diversas xeracións de mulleres, enleadas no tempo e no espazo, nos amosan a dura realidade da franxa de Ghaza. Desde a tola Um Mamdouh ata a americana perdida Nur, pasando pola valente e desleigada Nazmiyeh ou Mariam a dos ollos de dúas cores. Personaxes masculinos e femininos nun territorio que lles é hostil e onde a forza, o humor, os lazos familiares, as obrigas e as lembranzas, crean unha rede que lles permite seguir adiante.
Unha historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas.
É unha novela de exilio e desarraigo, de esperanza e afouteza, de atopar a propia identidade e o respecto no conflito palestinoisraelí, onde o mundo máxico e o real se mesturan para confluíren na idea do azul entre o ceo e a auga, onde sempre se está, unindo presente e pasado:

Búscame

Estarei no azul

Entre o ceo e a auga

Onde todo o tempo é agora

E onde estamos xuntos

Fluíndo coma un río

(Texto da páxina do libro na editorial Laiovento)

Susan Abulhawa (1970), naceu nun campo de refuxiados de Kuwait e mudouse de nena aos Estados Unidos, onde estudou Ciencias Biomédicas.
Periodista, activista, fundadora da ONG Playgrounds for Palestine, que constrúe zonas de xogo nos campos de refuxiados palestinos.
A súa primeira novela, Mornings in Jenin (2003), foi traducida a máis de 30 idiomas, O azul entre o ceo e o mar (2015) foi traducido a máis de 20 idiomas e coa terceira novela, Against the loveless world (2019), acadou premios tales coma os Arab American Book Award for Fiction (2021), Reading Women Award Nominee for Fiction (2020), Aspen Words Literary Prize Nominee for Shortlist (2021).
Tamén escribe ensaio, artigos para periódicos estadounidenses e converteuse nunha das voces literarias femininas máis importantes da literatura palestina.

(Texto da páxina da autora na editorial Laiovento)

Espazo Ateneo

Doutor Cadaval 17
Vigo, Pontevedra 36202 Spain
+ Google Map
696 856 947
View Venue Website