- This event has passed.
Unha peli con… Roi Cagiao
19 Marzo / 19:15 – 21:00
Dentro do marco da proposta do cinemAteneo ‘Unha peli con…’, o convidado para participar o vindeiro 19 de marzo é o director Roi Cagiao (Vigo 1972, 2017). Roi proponnos compartir a película ‘Operación Ogro’ (Gillo Pontecorvo, 1979). A proxección, co correspondente coloquio, terá lugar o martes 19 de marzo, no espazo Ateneo, a partir das 19.15 horas.
Operación Ogro
- Título orixinal: Operación Ogro
- Dirección: Gillo Pontecorvo
- Protagonistas
- Gian Maria Volonté
- José Sacristán
- Ángela Molina
- Eusebio Poncela
- Ana Torrent
- Guión: Ugo Pirro, Giorgio Arlorio, Gillo Pontecorvo
- Música: Ennio Morricone
- Duración: 100 minutos
- Produción Hispano-Italiana
“Operación Ogro” é unha coprodución hispanoitaliana. Un filme da transición sobre a transición que narra, con mestría e un realismo por momentos próximo ao documental, un dos episodios paradigmáticos do tramo final do franquismo: o atentado contra Carrero Blanco.
Pese a contar con actores e actrices españois de gran popularidade (Eusebio Poncela, Ángela Molina, Ana Torrent e José Sacristán), é un filme relativamente pouco coñecido para o gran público. Con dirección de Gillo Pontecorvo e música de Ennio Morricone “Operación Ogro” é o retrato dunha época, e do compromiso militante e xeito de facer dos cineastas da mesma.
Roi Cagiao (visto por Roi Cagiao para a ocasión)
Como documentalista levo realizado ata o momento tres longametraxes (“1972”, “O meu nome é Luis “Ferreiro” e “Vigo 1972”). Todas elas versan sobre a loita antifranquista galega no tramo final da ditadura franquista.
Creo que a miña fascinación por esa etapa vén da posibilidade de convivir con pesoas que participaran desa fase de loita tan dura; que manifestaron un tremendo heroismo nesa loita, que viviron e viven conforme a uns ideais firmes de xustiza e transformación social. Quen non podería conmoverse ante xente así?
Por outra banda, os conflitos sociolaborais desa época foron o escenario onde se produce a metamorfose na mentalidade dos meus pais, procedentes do campo; cambiaían para sempre a súa visión do mundo nun sentido dialéctico, progresista e militante; visión que eu dalgún xeito herdei, a orixe do meu pensamente está aí.
“Operación Ogro” é unha película que me parece marabillosa, sobre unha etapa que me encanta. Está contada con gran mestría, cunha estruturación temporal e rítmica moi audaz, e unha aproxiamación aos feitos realista, ata certo punto obxectiva, de estética autera pero cargada de humanidade…
Gilo Pontecorvo, o seu director, é o autor dun dos meus filmes favoritos “A batalla de Alxer” e dalgunha forma, xunto con outros como Cortázar, Benedetti ou Montalbán, un referente do artista comprometido co seu tempo, sensible aos problemas e sofrimentos da humandiade.