- This event has passed.
O carballo de Padroso
23 Xaneiro / 19:30 – 21:00
Presentación do libro colectivo homenaxe a O carballo de Padroso. Terá lugar na biblioteca da EMAO o martes 23 de xaneiro ás 19.30 horas. Contaremos coa presenza de Bieito Ledo e Xesús Alonso Montero. A achega musical correrá a cargo de Carmen Pením e Maurizio Polsinelli, e os escritores Secundino Diz, Antonio Díaz Pedreira e Stella Maris González Balbuena lerán os seus poemas.
O carballo de Padroso
O Ateneo Atlántico quere sumarse ás homenaxes que está a recibir o centenario Carballo de Padroso.
Padroso pertence ao municipio ourensán de Xunqueira de Ambía. De Padroso é natural Bieito Ledo e do seu maxín naceu a idea de render homenaxe ao símbolo máis preeminente da parroquia que o veu nacer: o seu carballo centenario, o Carballo de Padroso.
Froito da homenaxe a este carballo situado en pleno silencio da natureza (‘a esencia do lugar e a vida de Padroso’), no Camiño Mozárabe de Santiago, é o libro que hoxe traemos para compartir con algúns dos seus autores. O carballo de Padroso (Fundación Bieito Ledo).
No libro colaboran ata trinta autores cos seus relatos, debuxos e imaxes. Autores como Méndez Ferrín, González Tosar, Alonso Montero, Modesto Hermida ou Antón Pulido.
O carballo de Padroso, o principio dun camiño literario
Alberto Barciela
A continuación propoñemos a lectura do texto “O carballo de Padroso, o principio dun camiño literario”, escrito por Alberto Barciela no diario dixital O Barbanza
Os poetas escriben de palabras con palabras, madeira da mesma árbore da que haberá de nacer o papel dos dicionarios, dese bosque máxico de significacións. É o parto endogámico: da palabra o verso, do verso o poema, do poema ao mundo. A creación é explicada en si mesma cada vez que brota unha árbore, como as viaxes nacen cun primeiro paso. En cada vocábulo atópase a inspiración, unha declaración ou exposición de calquera materia, doutrina ou texto, que crece coma un fractal, coma unha mesma estrutura, fragmentada o aparentemente irregular, que se repite a diferentes escalas e tamaños.
Todas as árbores, como o carballo de Padroso, todos os bosques, como os bardos, transmiten a mesma mensaxe: xustifican a existencia, a natureza, a nós mesmos, e fano con beleza.
Din que as Árbores do Paraíso son dous arbustos descritos na historia do Xardín do Edén, no Antigo Testamento. Unha é coñecida como a Árbore da Vida e a outra como a Árbore do Coñecemento do Ben e do Mal. A cultura enraízase nun dos símbolos sagrados dun ser libre para pensar, pecar -comer a mazá-, pero tamén para crear, investigar, gozar, queimar.
A historia conta que a árbore datada como a máis antiga da terra foi descuberta despois de matala. En 1964, un xeólogo chamado Donald Currey que intentaba desenvolver unha liña do tempo glacial en Wheeler Peak, Nevada, EE UU, utilizou unha especie de barrenador para facer mostras dos troncos no seu estudo, pero nun deles, etiquetado como WPN-114, alcumado como Prometheus-, quedou atrapado. O científico avisou ao Servizo de Montes, que finalmente decidiu cortar. Despois de contar os aneis do tronco, descubriron que mataran un exemplar de 4.844 anos. Cada árbore xira todos os seus anos, progresivamente, sen descartar o seu pasado e asumir o seu futuro, en principio aprendendo dos seus erros. É en si unha gran alegoría da evolución.
Entre a mazá metafórica de Adán e Eva ata que Newton advertiu a forza da gravidade na caída natural dun froito, intuímos a importancia da relación do ser humano co medio, coa natureza, co seu hábitat, co que acolle. Aliméntanos, espiritual e fisicamente, e fanos esperar comprender a importancia da sostibilidade. É esencial para sobrevivir.
É evidente que as árbores nunca se agacharán para alimentar as xirafas, pero debemos veneralas como fieis compañeiras, coidalas como parte esencial de cada ambiente, utilizalas racionalmente. Recoñecer, como dicía Castelao, que nos dan o froito, que lle piden auga ao ceo, que nos ofrecen sombra fresca no verán e calor acolledor no inverno.
Temos que pedir perdón á nai natureza. A contaminación dos mares e a súa plastificación, a mala xestión da auga, a sobreexplotación dos bosques, os residuos xerados por unha civilización abafante e consumista, provocan o cambio climático, producen o efecto invernadoiro, e provocan incendios, inundacións, tifóns e outras dramáticas circunstancias, que algúns aínda intentan xustificar con delirios diversos mentres aplican ou permiten políticas de sobreexplotación, destrutivas.
Pregúntome se algunha vez, nos seus parladoiros encantados, os carballos galegos propuxeron mirarnos con reproche, mentres nós pensamos racionalmente en cortar a súa conversa secreta ou en permitir que o lume tramposo os consuma.
Estamos matando o Paraíso. Polo menos o que coñecemos, o que habitamos. E sen bosques non haberá poesía, nin vida, nin sequera mazás coas que facer xermolar os pecados de amor no planeta azul e verde.
Se o pensamos, é posible un mañá mellor, hoxe é o fume o que nos indica onde está o bosque. O filósofo chinés, Lao-tzu, que viviu hai 2.500 anos, escribiu que “unha árbore enorme crece dun brote tenro. Un camiño de mil pasos comeza cun só paso”.
Ledos, como irmáns, abracémonos baixo a fermosa sombra da convocatoria de Bieito, un ser sensible que sabe de arbores, letras, cultura e amizade.
O carballo de Padroso e máis que unha fermosa metáfora, é unha bandeira.