- This event has passed.
Visita guiada: Pinceladas do esquecemento
29 Febreiro / 19:00 – 20:00
O xoves 29 de febreiro, ás sete da tarde, temos organizada unha visita guiada á exposición Pinceladas do esquecemento; Molíns-Chao, artistas viguesas do século XIX, que se exhibe na actualidade na Pinacoteca Fernández del Riego. A visita será da man do comisario da exposición José Luís Mateo. Dado que temos limitado o número de prazas, será imprescindible a reserva previa.
Instrucións para a reserva previa de praza
- Enviar un correo electrónico a actividades@ateneoatlantico.gal
- Asunto do correo: Visita Pinceladas do esquecemento
- Incluír nome completo das persoas para as que se solicita reserva
- Especificar para cada unha delas se é asociada do Ateneo ou non
- Máximo dúas persoas por correo enviado
- Agardar confirmación, a volta de correo
- Terán preferencia os socios e socias do Ateneo e, para cada asociada, un acompañante.
- A partir do criterio anterior, rigorosa orde de chegada do correo de solicitude.
- Non se permitirá o acceso á actividade sen reserva previa de praza.
- O prazo para a recepción de correos con reserva de prazas comezará o xoves 15 de febreiro.
Xosé Luís Mateo
A visita será guiada por José Luís Mateo, comisario da exposición.
Licenciado en Xeografía e Historia (Historia da Arte – Crítica da arte e conservación do patrimonio artístico) pola USC. Máster en Edición pola Universidade de Santiago.
Profesor, libreiro, historiador da arte, investigador, conferenciante, comisario de exposicións…, a ampla traxectoria de José Luís Mateo convérteo nun activo imprescindible no panorama cultural do Vigo actual. Ademais de ser socio do Ateneo e de ter participado na súa Xunta Directiva, é, tamén, membro do Instituto de Estudos vigueses, actuando, na actualidade, como vogal da súa XD..
Participou como comisario en diversas exposicións (A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na historia de Vigo, 1886-1976. Vigo na Aurora do s XX, Um olhar inédito. Teatro Keyzán: 50 anos de creación escénica, Vigo 1966-2016, etc.
Autor de libros e artigos de prensa e revistas especializadas, foi, por exemplo, colaborador na elaboración e redacción da Enciclopedia Galega Universal (EGU), Editorial Ir Indo. 2001-2005 en entradas de termos relativos á área de Arquitectura e Arte.
Elina Molíns e Blanca Chao
Máis de 100 anos tiveron que transcorrer para que se presente nun centro de arte a obra destas dúas grandes pintoras de Vigo. Autoras que ata hoxe practicamente non existían. Mudou a súa época, a súa historia agochouse en pequenas notas de hemeroteca. Os seus magníficos cadros sen embargo permanecían, ocultos en domicilios particulares, maiormente en man dos seus descendentes, fóra en definitiva da mirada pública.
O museo municipal “Quiñones de León” ten a honra de sacar da sombra do esquecemento estas obras de asombrosa factura e calidade, moi por riba do que se esperaría dunhas pinturas de afeccionadas. Cerca de 40 pezas presentadas baixo unha mirada actual e contemporánea; poñendo en valor, en definitiva, ás dúas pintoras, facéndoas accesibles á mesma comunidade que as veu nacer máis dun século antes, a cidade de Vigo.
As lembranzas sobre lenzo de dúas mulleres da alta burguesía viguesa que pintaban as súas paisaxes preferidas… Vigo, Baiona, A Toxa, Sevilla, Biarritz; que facían retrato dos seres queridos e dos anónimos, persoas, mascotas…; de esceas que falan da súa vida íntima e cotiá. Estas obras presentadas no seu contexto social e cultural arroupadas meticulosamente por outros cadros, moitos asinados por mulleres; por documentos, obxectos persoais… préstamo de particulares e de institucións como o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol ou a Fundación Rosalía de Castro.
En definitiva unha exposición reveladora que sen dúbida vai marcar un antes e un despois na historia da creación plástica feminina en Galicia, na historia da arte galega.
(Texto da páxina da exposición na web do Concello de Vigo).