- This event has passed.
Limpar a praia, Coidar a auga, Defender a vida.
6 Febreiro / 19:30 – 21:00
O Ateneo Atlántico, en colaboración coa Rede para o Decrecemento Eo Navia, Galiza O Bierzo, presenta a actividade Limpar a praia, Coidar a auga, Defender a vida, que terá lugar o martes 6 de febreiro, ás 19.30 horas, na EMAO.
Na actividade falaremos arredor, por unha banda, da crise dos pellets no mar galego, e tamén dos vertidos de augas con metais pesados procedentes da mina de San Finx, na ría de Noia.
Os relatores da actividade serán Ana Freiría, Coordinadora da campaña de voluntariado de limpeza de praias de Ecoloxistas en Acción, para o tema da vertedura de pellets, e Cristóbal López, Coordinador da área de minería de Ecoloxistas en Acción, que falará sobre as consecuencias medioambientais dos vertidos tóxicos da mina de San Finx.
Limpar a Praia, coidar a auga, defender a vida
Ante a situación de contaminación de elementos esenciais para a vida cuxa alteración afecta á saúde e á economía da nosa terra, o Ateneo Atlántico de Vigo e a Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo, aúnan esforzos por solicitar información e concienciar da importancia e repercusión que iso ten para todos nós e as xeracións futuras.
Nestes días en que asistimos á invasión de pellets de plástico que, (verteduras no mar e dispersados nas augas de todo o litoral), chegan ás nosas praias causando gran preocupación polos efectos que tales “bolitas” poidan provocar, tanto pola contaminación polo material de plástico como pola toxicidade doutros compoñentes que ao parecer levan na súa composición.
Preocupan as posibles consecuencias da inacción e posterior lentitude de políticos e Institucións á hora de tomar medidas de inmediato, xestionar responsabilidades polas verteduras a quen sexa que os causara e, sobre todo, procurar canto antes unha análise exhaustiva e fidedigna da composición dos pellets e os seus posibles efectos adversos para o medioambiente e a biodiversidade que poida resultar afectada, incluído o seu efecto sobre as persoas que están a recoller eses residuos nas praias e os que tamén poida ter o consumo de algas, peixes e mariscos das zonas afectadas.
O denominado progreso encheu os mares e océanos de plásticos e outros residuos contaminantes e tóxicos que están a provocar a desaparición de gran parte da biodiversidade das zonas próximas ás costas europeas, tal como se puido constatar nos estudos recentes. Pero se observamos a realidade, a contaminación no medio terrestre tampouco se quedou atrás.
A contaminación de acuíferos e ríos é cada vez máis seria. Xa son moitas as zonas que carecen de auga potable no mundo. As industrias contaminantes han provocado o desprazamento forzoso de pobos enteiros facendo imposible o medio de vida tradicional da zona ou, noutros casos, cambiando os sistemas de cultivo agrícola diversificado polo de monocultivo con alto consumo de auga, (ex.: o aguacate, tamén chamado ouro verde), chegando mesmo a secar non só acuíferos da zona, senón mesmo ríos e deixando a pobos enteiros dependentes da subministración de auga potable mediante camións cisterna. En América Latina temos varios exemplos destas prácticas que, xunto a gandería extensiva, a deforestación, a contaminación dos grandes ríos coas verteduras de refugallos das extraccións mineiras, contribuíron a que a vida de moitas persoas se vise afectada pola destrución da súa economía e forma de vida, á vez que sofre múltiples enfermidades provocadas pola contaminación da auga e os alimentos que consomen.
En Europa tamén temos casos similares. E se falamos de España, é un dos países da UE que máis advertencias e sancións vén acumulando en canto a contaminación da auga e a vertedura de refugallos tóxicos, xurros, antibióticos, fertilizantes e pesticidas que contaminan a terra, os acuíferos e os ríos, para terminar contaminando o mar, como é o caso do Mar Menor. A contaminación de acuíferos, a privatización e o mal uso da auga fixeron que varios pobos en España tamén dependan do abastecemento de auga potable para o consumo mediante camións cisterna.
A auga é punto crave para a sustentabilidade da vida e a contaminación, o mal uso e a súa privatización para a explotación por parte de grandes corporacións está a poñer en perigo o abastecemento de auga potable no planeta, de tal modo que os científicos auguran que no prazo de cinco anos non haberá auga potable para todos en moitas zonas do planeta.
Se falamos de Galicia, cuxas praias hoxe padecen a invasión dos pellets, tamén temos que falar da contaminación que provocan as minas ao descuberto que non faltan na nosa terra e cuxos residuos permanecen esnaquizando o medioambiente, a saúde e a economía da contorna. Por sinalar un exemplo, lembremos a rotura da balsa mineira de Frades, (A Coruña), que provocou unha vertedura sobre os ríos Gaiteiro e Mazuzo que verten sobre o Tambre, cuxas augas dan servizo aos Concellos de Frades, O Pino, Oroso, Santiago, Trazo, Val do Dubra, Ames, A Baña, Negreira, Brión, Noia e Outes. As verteduras da mina de San Finx, incumpriron tantas veces a normativa que, ante a presión exercida por Ecoloxistas en Acción e mariscadores das Rías de Muros e Noia contra as verteduras da mina, a Xunta tivo que iniciar a revocacón do permiso concedido para seguir baleirando as galerías ao confirmar a presenza de metais pesados nos residuos que estaban vertiendo. Pero os metais pesados e outros residuos que permanecen na balsa de decantación da mina están aí e seguen sendo unha ameaza para saúde e a vida da contorna.
Como din os defensores do Decrecemento están a vendernos a tecnoloxía avanzada, a dixitalización e a robotización como os grandes avances e as marabillas do progreso, pero ocúltannos a cantidade de auga e enerxía que consome ese chamado “progreso”, do que, como afirma Miguel Amorós, a partir de determinado momento, o desenvolvemento científico-técnico vólvese eminentemente destrutivo e a maior progreso, maiores inconvenientes.
Para a continuidade da vida requírese priorizar a conservación daquilo que é vital.